
Palacio de Santa Cruz, actual Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación.
O Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación é o órgano da Administración xeral do Estado que, en cumprimento das directrices do Goberno e para facer realidade a unidade da acción do Estado no exterior, ten encomendada a realización das seguintes funcións:
• Planificar, dirixir, executar e avaliar a política exterior do Estado.
• Concertar e potenciar as relacións de España con outros estados e coas organizacións internacionais.
• Fomentar as relacións económicas, culturais e científicas de España.
• Dirixir a política de cooperación internacional para o desenvolvemento.
• Exercer a protección dos cidadáns españois no exterior e participar na proposta e aplicación da política de estranxeiría.
Para cumprir as anteriores funcións, o ministro de Asuntos Exteriores e de Cooperación conta co apoio de tres secretarios de estado e un subsecretario, ademais da Dirección Xeral de Comunicación Exterior, a Axencia Española de Cooperación Internacional (AECID) e o Instituto Cervantes.
O Secretario de estado de Asuntos Exteriores , pola súa banda, asiste ao ministro na formulación e execución das directrices e os obxectivos globais da política exterior española, Europa, América do Norte, Mediterráneo, Oriente Próximo, África e Asia-Pacífico, así como na política exterior en materia de seguridade e defensa europea, sistema de Nacións Unidas, relacións económicas internacionais, seguridade internacional e desarmamento, dereitos humanos e operacións de mantemento da paz (OMP).
O Secretario de estado para a Unión Europea asiste ao ministro na formulación e execución da política exterior no ámbito da UE. Con tal efecto, coordina as actuacións que realizan as Administracións públicas españolas na Unión Europea e preside a Comisión Interministerial de Asuntos da UE.
O Secretario de estado para a Cooperación Internacional e para Iberoamérica asiste ao ministro na formulación, dirección e execución da política de cooperación ao desenvolvemento e nas relacións culturais e científicas co exterior. Á súa vez, é o presidente da Axencia Española de Cooperación Internacional, que está adscrita á Secretaría de Estado de Cooperación Internacional.
Tamén asiste o Ministro na formulación e execución da política exterior de España na área xeográfica de Iberoamérica, coa vontade de impulsar o desenvolvemento da Comunidade Iberoamericana de Nacións e fomentar a presenza e participación de España nos distintos organismos internacionais multilaterais deste ámbito xeográfico.
O subsecretario do Ministerio apoia ao ministro de Asuntos Exteriores na xestión patrimonial, económica, financeira e de persoal do departamento, así como nas funcións de protocolo do Ministerio e as relacións institucionais cos demais ministerios e as restantes administracións públicas.
Da Subsecretaría depende, ademais, a dirección e coordinación das Oficinas Consulares de España e a proposta e aplicación da política española en materia de protección e asistencia aos españois no estranxeiro, así como en materia de inmigración e asilo, no ámbito de competencias do Ministerio.